Saltar ao contido
Rural Sustentable

Nota de prensa

O rural toma a palabra: Comunicación Rural Sustentable reúne en MEGA a quen está a cambiar o seu relato

A Coruña · 12 de novembro de 2026

  • O Museo Estrella Galicia (MEGA) acolle o sábado 12 de decembro a terceira edición de Comunicación Rural Sustentable, con 100 convidados seleccionados.
  • A xornada parte dunha conclusión repetida en cada Foro Rural Sustentable: o rural non ten un problema de futuro, ten un problema de relato.
  • David Eyo (El Hombre del Bosque) e Lucía Vázquez (Sola en el Monte) recibirán o recoñecemento aos Comunicadores do Rural.
  • A Fundación Galicia Sustentable organiza o encontro co impulso de Hijos de Rivera, ABANCA e GADIS.

O vindeiro sábado 12 de decembro, o Museo Estrella Galicia (MEGA), na Coruña, acollerá a terceira edición de Comunicación Rural Sustentable, unha mañá de traballo, de 9:30 a 14:00 horas, que reunirá iniciativas rurais, creadoras de contido, profesionais da comunicación e xornalistas baixo un lema: «O rural non pide permiso. Toma a palabra».

Un problema de relato, non de futuro

A Fundación Galicia Sustentable leva máis de 15 anos pateando o territorio e conectando a quen non se resigna. En cada edición do Foro Rural Sustentable chégase á mesma conclusión: o rural non ten un problema de futuro, ten un problema de relato. Comunicación Rural Sustentable nace para transformar ese imaxinario colectivo: para que os pequenos proxectos demostren o seu valor sen complexos e para proxectar, xuntos, a imaxe dun rural vivo e de vangarda.

Quince anos demostrando que o rural é futuro

Marcos Pérez, director da Fundación Galicia Sustentable, abrirá a xornada desmontando a narrativa da queixa e a nostalxia a través de casos reais da rede Rural Sustentable.

A divulgación fronte ao algoritmo

Cando parece que a comunicación dixital só serve para vender produtos, xorden iniciativas que demostran que a pegada máis fonda déixase compartindo coñecemento. Paula Sánchez (Balado Novo Homestead) e Ana Sosa (Estación Agroecolóxica de Viveiro), entrevistadas por Nuska Chousa, amosarán proxectos que crean valor comunitario ensinando, inspirando e conectando persoas.

Do campo ao «prime time»

O agricultor Aitor Jamardo e a gandeira Lucía Casal analizarán, nunha conversa moderada por Xiana Albor, o salto a un reality televisivo e o magnetismo dunha nova xeración que pisa forte, rebenta estereotipos e pon o sector primario en boca de todos.

Recoñecemento aos Comunicadores do Rural

Como nas edicións anteriores, a xornada recoñecerá a quen usa as redes non para alimentar o ruído, senón para reconectar a sociedade coa terra. Este ano o recoñecemento será para David Eyo, coñecido en redes como El Hombre del Bosque (@_elhombredelbosque, con máis de 87.000 seguidores en Instagram), divulgador da natureza, e para Lucía Vázquez, Sola en el Monte (@solaenelmonte, con máis de 120.000 seguidores en Instagram), que comparte a súa vida nunha aldea galega e a rehabilitación dunha casa tradicional dentro do seu proxecto de gandaría e autosuficiencia. Conversará con ambos Sandra Martínez, recoñecida na primeira edición.

Fóra de foco: existir, crear e traballar sen Instagram

Nun momento no que a presenza en redes sociais se asume como unha obriga, que pasa cando se decide non estar? María Victoria Cosme (Amorodo) conversará con Marcos Pérez sobre a renuncia consciente, a soberanía dos tempos propios e as canles lentas de comunicación.

Comunicar a través das accións

Pepe Cabanas, CMO de Hijos de Rivera, e Isaac González Toribio, director de Comunicación e Relacións Institucionais de ABANCA, conversarán, moderados por Javier Varela, sobre como as grandes empresas galegas comunican o seu compromiso co rural a través das súas accións e non só das súas mensaxes.

Palabras para axitar o contorno

O escritor e comunicador Emilio del Río pechará a xornada cunha intervención para entender que cambiar as palabras coas que nos referimos ao noso contorno é o primeiro paso para transformalo de raíz.

Cen convidados seleccionados

O aforo é de 100 convidados seleccionados por Rural Sustentable para garantir a mellor experiencia: iniciativas rurais que xa comunican por si mesmas, creadoras de contido e xestoras de redes sociais, persoas que traballan no campo da comunicación e xornalistas. As persoas interesadas poden solicitar convite na páxina do evento en ruralsustentable.org.

Un compromiso co futuro do rural

Comunicación Rural Sustentable está organizado pola Fundación Galicia Sustentable, no marco do movemento Rural Sustentable, co impulso de Hijos de Rivera, ABANCA e GADIS.

Como sinalou Marcos Pérez, director da Fundación Galicia Sustentable, na pasada edición: «O futuro do rural depende, en gran medida, de como o contamos. Comunicar en positivo non é maquillar a realidade, é contala con rigor e con orgullo».

Imaxes para medios

Imaxes para acompañar esta nota. Preme nunha para abrila a tamaño completo.

Contacto de prensa

prensa@galiciasustentable.org

Atendemos peticións de medios, acreditacións e material adicional.

Organiza

Impulsan