Saltar ao contido
Rural Sustentable

Rural Sustentable

Pensar o rural desde os valores da prosperidade compartida

Rural Sustentable é a iniciativa da Fundación Galicia Sustentable que, con máis de 15 anos de experiencia no ámbito rural, impulsa un activismo transformador. É moito máis ca un proxecto: é un movemento dinámico que reúne entidades, empresas e persoas de referencia vinculadas ao rural, unidas por un propósito claro —a prosperidade do rural— para que o rural non sobreviva, senón que floreza.

Manifesto

«O rural non pide permiso. Toma a palabra.»

Levamos máis de 15 anos pateando o rural galego e conectando a quen non se resigna. E chegamos sempre á mesma conclusión: a solución do rural está no propio rural. Non fóra, non enriba: nos axentes do cambio que xa temos identificados, que xa están a facer que o rural funcione.

Toca escoitar e facer con eles. Xa hai demasiada análise concordante sobre o que lle pasa ao rural; o que falta é poñela en marcha. O que fixemos nos últimos anos non abonda: hai exemplos fantásticos, hai xente que volveu e está a facer cousas moi interesantes, pero nin de lonxe chegan para substituír a quen morre cada ano.

O rural ten que contarse en positivo, porque o relato importa. Pero o relato só se sostén se os datos o sosteñen, e hoxe hai unha discrepancia importante entre os dous: tanto no xeito de contar o rural coma no que realmente se conta del.

Por que é importante un rural próspero

Coa crecente urbanización e o éxodo rural, as comunidades rurais enfrontan desafíos significativos, desde a despoboación ata a degradación ambiental. Aínda así, estas áreas posúen un potencial enorme para contribuír a un futuro máis equilibrado e sustentable. Asegurar a prosperidade e a sustentabilidade do rural non é só unha cuestión de xustiza social e económica, senón tamén unha necesidade ambiental e cultural.

As áreas rurais son vitais para a conservación dos recursos naturais e a biodiversidade, e portadoras dun rico patrimonio cultural e tradicións ancestrais que hai que preservar. Rural Sustentable canaliza a experiencia e o coñecemento dos axentes do cambio cara a solucións innovadoras, creando un contorno propicio para a prosperidade do rural.

Tres eixos para a prosperidade

Para lograr unha transformación efectiva e sustentable do medio rural, identificamos tres eixos clave: Benestar, Desenvolvemento e Futuro. Xuntos aseguran un enfoque integral que non só se centra no crecemento económico, senón tamén en mellorar a calidade de vida, preservar o medio ambiente e asegurar a sustentabilidade a longo prazo.

Benestar

Acceso a servizos básicos de saúde, educación e vivenda digna, igualdade de oportunidades e un contorno saudable e seguro onde vivir e traballar en harmonía coa natureza. O benestar do rural garante tamén unha cadea alimentaria máis segura e sustentable para as cidades.

Desenvolvemento

Crecemento económico sustentable e equitativo: diversificar e modernizar actividades tradicionais coma a agricultura e a gandaría, incorporando tecnoloxías innovadoras, e crear novas oportunidades en turismo rural, artesanía e produción local.

Futuro

Sustentabilidade e preservación do patrimonio cultural e natural: planificar e xestionar o territorio de forma responsable, fomentar a innovación e a adaptación ao cambio climático, para que as xeracións presentes e futuras poidan prosperar.

Queres formar parte do movemento?

Entidades, empresas e persoas activistas: hai un sitio para ti en Rural Sustentable.

Organiza

Impulsan