Saltar ao contido
Rural Sustentable

Foro Rural Sustentable · Conclusións

I Foro Rural Sustentable

Documento de conclusións

📍 Espazo Vilaseco, Chantada 📅 21 de xullo de 2023
📄 Descargar documento orixinal (PDF)

O Foro Rural Sustentable reuniu o venres 21 de xullo de 2023 a iniciativas rurais, investigadores, empresarios e representantes da sociedade civil para promover a sustentabilidade do rural a través de propostas de prosperidade en áreas como a produción agroalimentaria, a conservación dos servizos ecosistémicos, a calidade de vida e a preservación do patrimonio cultural.

A despoboación e a perda de masa crítica fan necesario un espazo para recoller a voz, a opinión e as propostas das persoas e iniciativas que seguen contribuíndo á sustentabilidade e á prosperidade do medio rural. Esta primeira edición serviu como análise da situación de partida: múltiples e diversos actores presentes no medio rural compartiron a súa visión desde o concreto sobre modelos de xestión sustentables, tecnoloxía e comercialización.

A prosperidade do medio rural formulouse desde tres eixos que vertebrarían todas as edicións posteriores do foro: benestar (acceso a servizos básicos, contornos saudables, igualdade de oportunidades), desenvolvemento (modernización de infraestruturas, diversificación económica, emprendemento) e futuro (xestión responsable do territorio, educación en prácticas sustentables).

Marco de reflexión

Regulación pensada desde e para a cidade

Varias intervencións coincidiron en que boa parte da normativa que afecta á pequena empresa rural se redacta sen considerar as súas condicións reais de partida.

«A lexislación está pensada, en xeral, para empresas que non están asentadas no rural, sen pensar onde estamos e os problemas que temos.»

Ana Vázquez, Airas Moniz

Marco de reflexión

Transformar antes que só producir

Outro bloque de intervencións insistiu en que o valor engadido do rural está en transformar os seus produtos primarios, non unicamente en extraelos.

«A transformación de produtos primarios é unha oportunidade para xerar valor, emprego e riqueza no noso territorio.»

José Manuel Andrade, Fundación Juana de Vega

«É necesario crear empresas cuxa razón de ser teña que ver coas persoas e o territorio no que se desenvolve.»

Xosé Lois Lamazares, Daveiga

Marco de reflexión

Rendibilidade e compromiso non son incompatibles

Varios ponentes lembraron que a viabilidade económica segue sendo condición de calquera proxecto rural, por moito propósito que o acompañe.

«O principal que aprendín despois de 10 anos é que, por moita paixón que lle poñamos aos nosos proxectos, as empresas teñen que gañar cartos.»

David Sueiro, Galo Celta

«A nosa aposta pola sustentabilidade nace dun convencemento interno e isto axúdanos porque as persoas, cada vez máis, queren traballar nunha empresa con propósito.»

Nuria Varela-Portas, Pazo de Vilane

Marco de reflexión

A responsabilidade é compartida

O peche do bloque de ponentes apuntou a que o cambio de modelo non depende só de quen produce.

«Desde a produción tamén temos responsabilidade e podemos facer cousas para modificar os hábitos de consumo.»

Ana Corredoira, A Cernada

«O dilema do futuro galego: ou nos facemos co noso territorio ou nolo mercan.»

Germán García, Cortes de Muar

Testemuños

Outras voces do foro

Miriam Vilaseco

Espazo Vilaseco

«O Espazo Vilaseco é un espazo versátil que achega a arte contemporánea ao rural e que se inicia a través dun proceso de escoita coas persoas que o habitan.»

Cristina Fernández-Armesto

Casa Grande de Xanceda

«Asumimos un compromiso co futuro do rural e por iso imos ás escolas para fomentar que os mozos emprendan no rural.»

Néstor Liñares

Horta da Lousa

«A horta é un sector moi importante, rendible e pouco explotado.»

Luis Carreira

Arqueixal

«Moitas veces o feito de non medrar en volume todos os anos facíame pensar que estaría equivocado. Agora sei que a de Arqueixal é unha opción máis que está aí.»

Jaime Otero

Estación Agroecolóxica de Viveiro

«O noso proxecto está moi ben, pero aínda estamos moi lonxe da sustentabilidade real.»

Xosé Luis Reza

Clúster do Ecommerce Galego

«A xente si está disposta a pagar máis por un produto comprometido co rural.»

Propostas

Propostas por grupos de traballo

Os grupos de traballo buscaron xerar propostas sobre cuestións xenéricas do rural e tamén temas máis específicos. Nesta primeira edición chegamos a propostas agrupadas en catro temáticas.

Normas e gobernanza

  • Avanzar na posta en marcha dos instrumentos da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
  • Trasladar aos departamentos da Xunta de Galicia a necesidade de considerar as características e necesidades específicas do rural ao redactar lexislación sectorial.
  • Flexibilizar os trámites administrativos para explotacións e actividades rurais de pequena e moi pequena dimensión.

Emprendemento e valor engadido

  • Deseñar estratexias que potencien e fortalezan a aparición dunha industria agroalimentaria de transformación no territorio.
  • Avanzar no proceso de dixitalización do rural.
  • Fomentar o emprendemento no rural e o apoio a novas iniciativas empresariais de calquera tipo, así como a prestación de servizos de apoio ao emprendemento rural e agroalimentario.
  • Facilitar e promover a diversificación das actividades agrarias nas pequenas e moi pequenas explotacións.

Promoción e comercialización

  • Impulsar os circuítos curtos de alimentación e a compra pública de produtos locais e de proximidade.
  • Favorecer o contacto de consumidores e produtores a través de accións de presenza física nas que apreciar os valores diferenciais máis alá dun lineal ou presenza online.

Conciencia e inspiración

  • Dar valor e visibilidade ás boas prácticas das pequenas explotacións.
  • Fomento de espazos de encontro, debate e procura de sinerxías para as pequenas explotacións do sector agroalimentario.

Organiza

Impulsan